Celebramos o VII San Froilán Asociativo o 6 de Outubro

Dende Lugo Sen Mordazas, como non podía ser doutro xeito, sumámonos ao San Froilán Asociativo ’18!
 
Un San Froilán Asociativo que colectivos e asociacións de Lugo levan xuntándose por 7º ano consecutivo:
 

Estamos en Festas, as nosas festas de toda a vida, as do San Froilán que deben ter cerca de 270 anos! As festas nas que a xente de toda a provincia viña a comerciar no Campo da Feira, mais tamén e de paso, a divertirse, a bailar, a comer polbo.

Seguimos contra toda modernidade a celebrar esta festa, xantando, bebendo, bailando, escoitando música en calquera praza, paseando pola cidade, atopando en cada recuncho e en cada rúa algo para ver ou facer, un amigo o unha amiga que hai tempo que non vemos…

Outra vez máis saímos á rúa, o noso medio natural poñendo un grao de area para que esta festa siga viva, porque pensamos que as festas témolas que facer nós, as veciñas e veciños de Lugo, que queremos ser persoas actoras desta festa e non só consumidoras delas.

Queremos ademais facer máis forte o tecido asociativo dos nosos colectivos, porque facendo cousas xuntas é como entendemos a unidade e a colaboración entre as asociacións e colectivos de este Lugo vivo, participativo e con inquedanzas e que quere expresarse libremente, sen coaccións, sen mordazas e sen exclusións (aquí collemos todas e todos!).

Coma sempre facemos isto o sábado anterior ao Domingo das Mozas.

Non temos subvencións, contamos só cos nosos modestos medios.Estaremos na Praza de Santo Domingo, na beirarrúa do convento, todo o día dende as 10 ata ás 21 h. E alí mostraremos o noso traballo, o que facemos todo o ano, e aparte teremos diversas actividades.

Estar nesta Praza ten un significado de memoria porque este foi un dos emprazamentos do San Froilán nos anos 60.

Damos a benvida a toda a xente forasteira; persoas convidadas, feirantes, vendedores e vendedoras con ou sen manta, ás das barracas e, en definitiva, a todas.

PROGRAMA

  • Comezo coa apertura dos postos dos colectivo ás 10h
  • Obradoiros para crianzas das 11h às 13h
  • Café-Coloquio con o Banco de Tempo às 12h00
  • Cantares de cego con Francisco de Taboada às 13h00
  • Presentación dos Coletivos das 13h30 ás 14h30
  • Xantar vegano tras a presentación dos colectivos
  • Obradoiro de baile tradicional ás 17h00
  • Paseo de Masa Crítica 🚲  ás 17h30
  • Presentación musicada do Poemario Independencia de Alfonso Rodríguez às 17h45
  • Obradoiro Translurpies de deconstrución de xénero às 18h30
  • Presentación dos Coletivos das 19h00 às 19h30
  • Humor con Marca España às 19h30
  • Concerto co grupo de rock galego ITH às 20h00

… E moito máis, acompañado dun xantar vegano, máis unha degustación de produtos varios feita polo grupo de “Vegetarianos y Veganos en Lugo”

VIVA O SAN FROILÁN!!

san froilán asociativo 2018
Clic para agrandar