Do anecdótico á política do control e videovixianza

Esta fin de semana coñeciamos a anécdota do sucedido na Praza do Campo, cando dúas persoas subíronse á fonte de San Vicente a bailar nun contexto de festa (e «excesos»).

Fragmento do vídeo

Somos coñecedores e coñecedoras da proposta da Asociación Lugo Monumental e Partido Popular da instalación masivas de cámaras de videovixianza no casco histórico.

En Lugo sen Mordazas estamos en contra de que as solucións sempre sexan represoras, por suposto sempre polo noso ben, e contextualizando o que pode transformarse nunha sociedade, xa en marcha, hipercontroladora a través dun complexo sistema de videovixilancia, espionaxe, redes sociais… ao fervor de escándalos como o transvase de datos de empresas como Facebook, Google… a axencias de espionaxe; a detección de rostros automatizados como en China (en proxecto noutros estados) ou, en xeral, o férreo control de estados e empresas, fronte á privacidade, unha palabra e dereito do que parece estamos dispostos e dispostas a renunciar.

Tense a crer na boa intencionalidade de que as leis serán xustas e as cámaras polo tanto necesarias para facelas cumprir. Levándoo ao texto de “Ordenanza de Civismo e Seguridade” de Lugo: en primeiro lugar, estase usando este suceso para defender a regulación por medio dunha sanción económica por bañarse nas fontes públicas tal e como se recolle na ordenanza, algo que ocorre nalgunhas celebracións que non poñen en perigo o mobiliario público e que quedarían prohibidas igualmente, polo que se está confundindo o debate ao non diferenciar entre o acceso a unha fonte e a conservación do patrimonio cultural. Consideramos que independentemente de que se trata dunha celebración ou non, o factor determinante é se se pon en perigo o mobiliario público. E, en segundo lugar, estarías disposta a que te vixiasen e sancionasen por sacar unha cadeira á rúa (conduta que, coa Ordenanza Mordaza, queren multar con ata 750€)?

Existe unha clara regresión de liberdades acompañadas, a través do medo, a miúdo sensacionalista, da aceptación de medidas des-medidas de control.

Queren lexislar(nos) a través do anecdótico en pro de intereses políticos que buscan un modelo de sociedade orwelliana, cuestión sempre incomprensible e máis, cando datos recentes no caso de Lugo, sitúan á cidade como unha das provincias máis seguras do Estado español e onde, segundo datos recentes, os danos ao patrimonio diminuiron un 1,5%. Aquí a intencionalidade política e partidista.

Cremos que a solución sempre ten que ser o sentido común e a educación. Sentido disto ten que a anécdota relatada, convertida en «noticia do día”, rematou cando de tantas persoas que miraban e gravaban a través do seu móbil o “espectáculo” nunha sociedade cuasi-ideotizada na tecnoloxía, dúas delas decidiron chamarlles a atención a estas persoas, tralo que inmediatamente baixaron. Problema resolto.

Por iso debería regularse a actuación policial de xeito expreso antepoñendo a vía do diálogo á multa, algo que podería quedar para casos de reincidencia, que ocorren en moi contadas ocasións.

O noso Patrimonio non é duns poucos, é de todas as persoas e parte da nosa cultura e por iso pensamos que temos que defendelo, pero con educación e respecto.

Os sistemas masivos de vixianza e control non son unha solución, senón que máis ben estanse a demostrar un problema a maiores: a violación da nosa intimidade, sendo vixiados e vixiadas 24 horas ao día, considerando cuestións antagónicas seguridade con liberdade, cando ambas van e deben ir da man. Negar unha en pro da outra é regresar a un pasado escuro moi recente.

E ti, estás disposto/a a formar parte do “Gran Hermano” xigante?

O vídeo que che fará reflexionar: