Crónica de Rodea O Concello

«Fútbol na rúa, antes que na tele», foi un dos lemas que se escoitaron durante a concentración de Rodea O Concello en alusión ás multas que queren impoñer por xogar na rúa e á coincidencia no día de hoxe co mundial, pese ao cal reuníronse ao redor de 200 persoas contra a «Ordenanza Mordaza»; portando carteis, con esparadrapo na boca a modo simbólico e con cacerolada incluída.

Ao finalizar a concentración leuse o seguinte comunicado e anunciouse a celebración do «Festival Incívico» que terá lugar o Sábado 30 de Xuño durante todo o día na Praza Maior. Nos vindeiros días subiremos o programa coas actividades, moitas das cales pasarían a ser sancionadas de aprobarse esta ordenanza.

Comunicado:

Hoxe volvemos saír á rúa para amosar o noso absoluto rexeitamento á Ordenanza de Seguridade e Civismo que o goberno do PSOE pretende aprobar co apoio do Partido Popular e Ciudadanos. Viñemos a rodear o Concello para deixarlles claro que non aceptaremos xamais unha normativa que criminaliza o uso e desfrute do dominio público, castigando con multas desorbitadas a músicos e artistas de rúa, vendedores ambulantes, prostitutas, activistas, persoas sen teito, a diversión e xogos da mocidade e infancia… e que persegue en última instancia tanto a supresión do dereito á protesta como a privatización do espazo público, reservando a súa utilización a uns poucos privilexiados para a explotación económica a grande escala.

Os artigos desta ordenanza violan sistemáticamente os dereitos civís da cidadanía, cuxa actividade é considerada de antemán delincuencia ata que se demostre o contrario. Estamos ante un ataque directo ás garantías democráticas do Estado de dereito, por moito que a alcaldesa e os lobbies empresariais integrantes do Observatorio de Seguridade Cidadá intenten suavizalo e lavar a súa imaxe propoñendo substituír en primeira instancia as multas por traballos de servizo á comunidade. O Concello de Lugo non pode autoarrogarse en ningún caso a potestade de perseguir delitos penais e ditar sentencias, suplantando o labor da investigación policial e do poder xudicial. Esta ordenanza crea en si mesma unha alarma social inducida que non se corresponde coa realidade do día a día da nosa cidade. Xa existe un Código Penal para os verdadeiros delitos, que non son competencia da Administración Local, o resto son pequenos desordes e conflitos puntuais, diversidade sociopolítica e cultural que é inadmisible perseguir e reprimir con ningún tipo de castigo exemplar ou traballo forzado.

A Ordenanza de Civismo aposta por un modelo de cidade policial e burocratizada, o que significa unha hipervixilancia e xudicialización da convivencia cidadá e da vida cotiá das persoas, e que contradice frontalmente a Carta Europea de Salvagarda do Dereitos Humanos na Cidade. Ao mesmo tempo, implanta por norma o clasismo e a criminalización da pobreza, perseguindo a mendicidade e outros medios alternativos de vida ou supervivencia, facendo máis vulnerables á exclusión social e aos abusos policiais a quen xa de por sí o son máis, como é o caso das prostitutas do barrio da Tinería. Hoxe tamén queremos amosarlles todo o noso apoio a esas mulleres, esquecidas polas institucións e estigmatizadas pola sociedade, e expresar a nosa absoluta condena aos empresarios que levan anos hostigándoas con ameazas, denuncias falsas e ata violencia física, para expulsalas do barrio no que viven e no que teñen dereito a vivir coa mesma tranquilidade e calidade de vida que o resto dos seus habitantes.

Por este motivo, a Plataforma Lugo Sen Mordazas anuncia que traslada a celebración das súas Asembleas, que ata agora viñan ubicándose no Templete da Praza Maior, ao Barrio da Tinería a partir do vindeiro luns, para visibilizar unha problemática que só é lembrada cando se quere agochar baixo a alfombra, coma se estivésemos falando de suciedade que limpar no canto de persoas con dereitos humanos. Afirmamos que as intencións do goberno e dos empresarios e “forzas vivas” que se atopan detrás deste texto, como sancionar ás prostitutas e irrumpir nas súas vivendas particulares, non só non son lexítimas nin éticas, senón tampouco legais, polo que nos reafirmamos en recorrer á vía xudicial de ser necesario.

Lugo Sen Mordazas aposta por unhas rúas vivas e alegres e unha cidade xusta e solidaria, cun espazo público que sexa verdadeiramente público e dea cabida á diversidade sociocultural e política, por iso instamos ao goberno a anunciar o desestimento de aprobar unha Ordenanza de Seguridade e Civismo e no seu lugar a traballar por garantir o acceso universal ao espazo público e a dotalo con todos os equipamentos e servizos necesarios para que a cidadanía poida facer uso de maneira inclusiva e non excluínte.

¡Lugo é de todas e para todas!