Campaña de locais libres de mordazas

Dende a Plataforma Lugo Sen Mordazas iniciamos unha campaña dirixida ao pequeno comercio e aos locais de hostalaría, para que os pequenos empresarios e autónomos que queiran desmarcarse do discurso reaccionario e discriminatorio de certos “lobbies” empresariais da cidade poidan facelo e expresar libremente a súa postura en contra deste texto normativo que propón o PSOE e apoian PP e Ciudadanos. Poñemos a disposición de toda a xente un cartaz anti-mordaza co seguinte lema “Este espazo non apoia a ordenanza mordaza. Por un Lugo vivo e diverso”, que repartiremos físicamente ademais de ofrecelo para que calquera que o desexe o poida descargar e expoñelo no escaparate do seu negocio (material para descargar).

Os colectivos que conformamos Lugo Sen Mordazas consideramos que os membros das patronais e asociacións veciñais que se uniron no «Observatorio de Empresarios y Vecinos por la Seguridad Ciudadana y Servicios», e que se están adicando a presionar para que dende o Concello de Lugo se aplique a “man dura” sobre as persoas con menos recursos ou en risco de exclusión, ou simplemente contra calquera que opte por un xeito alternativo de vida ou faga uso do seu dereito de protesta ou expresión cultural; arrogáronse a potestade de representar a todo o sector comercial e de servizos da cidade, cando hai unha grande parte dos autónomos e dos donos e donas de moitos negocios que non comparten ese punto de vista.

Por iso Lugo Sen Mordazas lanza esta campaña en positivo, para darlle a oportunidade á parte deste sector económico que é inclusiva e solidaria de dar a coñecer a súa oposición á Ordenanza Mordaza e colaborar co traballo da Plataforma. Os establecementos que queiran tamén poden descargar a folla de sinaturas e publicitarse na web de Lugo Sen Mordazas como punto de recollida das mesmas, así como imprimir o folleto informativo que explica as sancións e repartirlo no seu local.