Comunicado perante a sanción de 300€ por recoller sinaturas contra a ordenanza

O Goberno local multa a Lugo Sen Mordazas por recoller sinaturas contra a ordenanza de civismo alegando «risco para a seguridade pública».

  • De aprobarse a Ordenanza Mordaza que propón o goberno do PSOE, este tipo de sanción podería elevarse ata os 1.500€.
  • A Plataforma Lugo Sen Mordazas non cederá ante as sancións inxustas e ilexítimas, presentará alegacións a esta multa e cantas cheguen e seguirá adiante con cantas actividades e accións se consideren oportunas ata acadar a retirada íntegra da Ordenanza Mordaza.

Dende a Plataforma Lugo Sen Mordazas levamos varios meses denunciando a pretensión do goberno do PSOE de Lugo de aprobar unha ordenanza regresiva, discriminatoria e represiva para a cidadanía, que busca frear a organización popular e agochar os problemas sociais do municipio en lugar de buscarlles solución: a Ordenanza de Seguridade e Civismo. Dita ordenanza teoriza cun novo modo de “convivencia e civismo” na cidade que se torna en realidade nun extremo e cínico clasismo que coarta a liberdade de expresión da veciñanza, excluíndo e segregando a partes iguais e atacando ás persoas máis febles.

A proposta, lonxe de construír un Lugo máis cívico, fai retroceder ao noso municipio con prohibicións dignas do antigo Tribunal de Orde Pública franquista.  Só por lembrar algunhas das  absurdas e coercitivas  sancións: multas de ata 750 euros por levar unha cadeira para sentarse no parque, de ata 1.500 euros por vender chatarra ou de ata 3.000 euros por pedir esmola.

Como mostra das intencións represivas do goberno local, vimos de recibir a sanción de 300€ a un compañeiro da Plataforma Lugo Sen Mordazas por “risco para a seguridade pública”, simplemente por estar recollendo sinaturas contra a ordenanza mordaza cunha pequena mesa plegable, o pasado día 25 de maio na Praza de Santo Domingo. Esta sanción ampárase na Lei de Seguridade Cidadá, a chamada “Lei Mordaza”, aprobada polo PP en 2015 e que o PSOE estatal se comprometera a derrogar dende a oposición, ante o clamor cidadá en contra desta lei propia de tempos ditatoriais.

Mesa de recollida de firmas

Debemos dicir que de aprobarse a Ordenanza que propón o goberno do Concello de Lugo, esta sanción podería elevarse ata os 1.500€.

Ás persoas integrantes desta Plataforma, firmes defensoras dos dereitos civís, da cooperación, dos dereitos humanos e dunha cidade libre, viva e inclusiva; non nos sorprende que a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, pretenda aprobar unha normativa municipal ao nivel da Lei Mordaza estatal, xa que vimos de saber que Pedro Sánchez, xa no goberno, renuncia á derrogación de dita lexislación, demostrando unha vez máis as grandes semellanzas entre PSOE e PP, os dous grandes partidos do sistema bipartidista do Réxime do 78, froito dunha mal chamada “Transición” onde non se fixo xustiza nin se reparou o dano feito durante a ditadura nacida dun golpe “cívico-militar” a un goberno democrático elixido nas urnas.

Rolda de prensa

Dende a Plataforma Lugo Sen Mordazas queremos deixar claro que non cederemos ante sancións inxustas e ilexítimas, presentaremos alegacións a esta multa e cantas cheguen e seguiremos adiante dando a coñecer a aberración que supón esta Ordenanza Mordaza e levando a cabo cantas actividades e accións consideremos oportunas ata acadar a retirada íntegra da citada Ordenanza Cívica municipal.

Se tocan a unha, tócannos a todas.

Por un Lugo vivo, libre e inclusivo.