As mentiras da Viceportavoz municipal, Carmen Basadre

A Viceportavoz municipal, Carmen Basadre, non di a verdade:

O Goberno municipal sinala que o membro da plataforma veciñal, que recollía sinaturas contra a ‘Ordenanza Cívica’, «non foi multado por recoller firmas, senón por poñer unha mesa sen autorización» na praza de Sto. Domingo.

«O permiso non se denega a ninguén, e se esixe a todos e cada un dos cidadans; é tan sinxelo como metelo por rexistro», indicou a viceportavoz municipal Carmen Basadre.

A edila lucense tamén quixo aclarar que «o expediente sancionador non é froito dunha decisión política, senón que entra dentro do ámbito de actuación da propia Policía Local».

Pois ben, a imaxe da dereita é do 27 de Maio a escasos metros de onde foi identificado o membro de Lugo Sen Mordazas dous días antes. Persoas dunha determinada congregación relixiosa instalaron dous expositores e ofreceron información aos transeúntes da biblia e a paz no mundo.

A policía local pasou varias veces pola zona (de forma rutinaria, como vixiar posibles coches mal estacionados na zona), pero desta vez non molestaron nin identificaron a estas persoas, tampouco outras autoridades durante o transcurso de tres horas e media, a pesares de non ter solicitado o permiso para facer dita actividade ou instalar os seus aparellos na rúa. Feito confirmado por eles mesmos.

A diferenza de trato é canto menos sospeitosa. Ou é que dependendo do día as ordes mudan e son diferentes?

Por outra banda, a edila omite que un dos partícipes do proxecto da Ordenanza Cívica é un membro da policía municipal que se postula como futuro xefe do mencionado corpo.

Obran no noso poder preto dun cento de imaxes diferentes de distintos modos de ocupar libremente a rúa na cidade de Lugo diariamente, sen autorización expresa algunha e onde xamais a xente foi advertida e menos sancionada.

Aclarar que actualmente só fai falla dar aviso, non sendo necesaria a autorización ou o permiso explícito do Concello como di a Sra. Basadre, agás se aprobe a Ordenanza Cívica, que incluiría esta variable.

Dende Lugo Sen Mordazas defendemos o dereito á liberdade de expresión, independentemente do motivo, e estamos totalmente en contra da regresión nos dereitos individuais e colectivos. Dereitos que de aprobarse o borrador de «Ordenanza Cívica» acortaranse aínda máis do que xa recolle a polémica Lei Mordaza aprobada polo Partido Popular en 2015.

Sra. Carmen Basadre, xa o di o refrán: cóllese antes a un mentireiro que a un coxo.