Instalamos bebedoiros para a convivencia cos animais fronte ás multas

Os animais de compañía, como os cans, fai tempo que se incorporaron á normalidade das nosas cidades, desfrutando moitos e moitas da súa compañía e eles da nosa.

Isto ninguén o poñería en dúbida, pero as institucións parecen ir anos por detrás, e mostra disto era o Concello de Lugo que coa “Ordenanza Cívica” quería multarnos con ata 750 euros por dar de beber nas fontes aos nosos compañeiros. Isto en pleno verán e olas de calor (por sorte paramos a ordenanza).

O paradigma da institución foi pensar primeiramente en multar e non en buscar solucións, o cal debería facernos reflexionar.

Instalación

É por iso que dende Lugo Sen Mordazas decidimos non só quedar na protesta e facelo nós mesmxs, tamén como forma simbólica de reivindicar que ante certas discrepancias ou problemas que poidan xurdir, a solución primeira debe ser sempre o diálogo e as solucións en positivo.

Por iso instalamos numerosos bebedoiros nas fontes de Lugo, incluídos pipicans, copiando o que xa existía no canil da Frigsa e que leva moito tempo sendo de gran utilidade. O presuposto ante un problema que se presentaba con multas de ata 750 euros foi de menos de 5 euros (o custo das cadeas), xa que os bebedoiros foron doados pola boa xente.

A solución de problemas por nós mesmos e nós mesmas sen agardar aos atrasos ou incompetencia das institucións non é nada novo, leva practicándose toda a vida en diferentes paisaxes e contornas, e diso saben ben no rural os nosos maiores, aínda que cada vez parece nos perdemos máis na burocratización de ata os problemas máis nimios.

Bebedoiro parque Est. de Buses

Quizais a algunha persoa non lle guste demasiado esteticamente, pois recoñecemos que é mellorable, pero temos claro que antepoñemos o práctico fronte ao estético. Sumado que á vista de cuestións como os borrados exprés dos famosos murais que fixemos no seu día, non confiamos en que duren demasiado, non pola xente (para exemplo o bebedoiro nomeado na Frigsa que leva moito tempo), senón por parte da propia administración, polo que carecería de sentido inverter máis cartos e máis tempo.

Da administración esperamos, polo menos, que en caso de que “desaparezan” os repoñan coa estética que dispoñan, pero sen que supoña un custo elevado, pois non é necesario malgastar miles de euros nalgunha empresa adxudicada a dedo para reemprazar as fontes existentes, pois en Lugo Sen Mordazas somos austeros no bo sentido da palabra, agora tan profanada para camuflar coa neolinguaxe os recortes de dereitos (nós a iso chamémoslle austericidio). Pois preferimos que os cartos vaian destinados ás necesidades vitais dos e das lucenses ou mesmo para o aumento dos recursos -tan necesarios- da protectora.

Así mesmo vimos de repasar a escasa existencia de fontes en Lugo e o mal ou non funcionamento dalgunhas, polo que esiximos o arranxo destas e a instalación de novas fontes. Porque a auga é un dereito innegociable para humanos e non humanos.

Outros exemplos… e seguiremos poñendo onde aínda faltan: