Chega a segunda edición do Festival Incívico, pero…
- Que é?
O «Festival Incívico» é un festival onde se organizan diferentes actividades: dende charlas, xogos para nen@s e adultos, concertos acústicos, talleres, baile, teatro, xogos populares como a chave, etc.
- Cando naceu?
Naceu en 2018 (sendo esta a segunda edición) no contexto do intento da aprobación da «Ordenanza Mordaza» en Lugo (finalmente botada atrás grazas á mobilización na rúa). Esta ordenanza pretendía sancionar actividades celebradas ao aire libre como a música ou o parkour, perseguir ás persoas máis vulnerables por exemplo multando a quen pedía na rúa ou censurar a colectivos sociais e/ou reivindicativos, entre outras cuestións.
- Que busca?
Encher de vida as prazas de forma non lucrativa e organizarse cos veciños e veciñas dos barrios para facer vida en comunidade, rompendo un pouco coa monotonía actual. É un xeito de reivindicar que a rúa non só é de tod@s, senón que tamén temos o dereito e case o deber de desfrutalas.
- Cando e onde se celebra?
Este ano celebrarase no barrio da Milagrosa. Será o Sábado 21 de Setembro, coincidindo co Caudal Fest, un festival privado ao que o Concello destinou o pasado ano 217.000€ en subvencións. Para que nos fagamos unha idea esta é a mesma cantidade que recibiron do propio Concello tódalas asociacións e ONG’s xuntas de Lugo dedicadas á cultura e ao medioambiente.
- Quen organiza?
Polo de agora Lugo Sen Mordazas, que á súa vez está apoiado por diferentes colectivos. Pero queremos sumar e contar, por suposto, coa participación dos veciños e as veciñas. Nós só poñemos os cimentos, a construción ten que ser colectiva e dende abaixo.
- Como podo participar?
Moi fácil. Se tes algunha iniciativa ou idea escríbenos a lugosenmordazas@riseup.net ou a través das redes sociais como o Facebook «Lugo Sen Mordazas». Entre as varias propostas xa existe a idea dun xantar popular con comidas tradicionais de diferentes países, mostra da diversidade do barrio.
Para descargar a octavilla e imprimir, clic aquí.