Alternativa aos locais baleiros das Institucións: un centro social autoxestionado

Diversos colectivos e asociacións de Lugo, co movemento social “Lugo Sen Mordazas” como nexo de unión e aglutinador de sinerxias, que estas individualidades e colectivos levan tempo procurando nos eidos cultural e social neste cidade, andamos na procura dun novidoso proxecto que sería de interese público para a nosa vila: a construcción dun centro social e cultural autoxestionado.

Baixo esta premisa convocamos o pasado mes de xullo unha asemblea aberta para valorar alternativas e sumar apoios, á que se uniron tamén artistas e bandas lucenses que se vén na mesma tesitura da ausencia de espazos axeitados para ensaiar na nosa cidade.

Os centros sociais autoxestionados son un modelo de facer comunidade e cidade, a través de accións sociais e culturais, organizados de xeito horizontal, que serve para darlle vida aos barrios e lugares onde se enclavan, a través da participación de toda a veciñanza. Existen exemplos de exitoso funcionamento dos mesmos en diferentes cidades galegas e en España e outros países.

Lugo é a terceira cidade de España con máis vivendas e locais baleiros, cuxa desocupación e inactividade provocan un efecto amplificador e contaxioso, negativo e pernicioso, nos barrios onde se enclavan, quedando cada vez máis rúas, prazas e barrios que perderon o seu uso como espazos de socialización para quedar sen vida e deshumanizadas.

Sumando as dúas necesidades: a existencia de multitude de locais e vivendas baleiras en Lugo e a necesidade crecente entre colectivos e asociacións dun punto de encontro para tecer comunidade e transformar esas sinerxías en devolver vida á nosa cidade, en data 5 e 6 de setembro de 2019, solicitamos sendas reunións co Concello e coa Deputación, para tratar este asunto, para o cal solicitamos tamén a relación de locais baleiros da nosa cidade, como punto de partida para presentar posteriormente o noso proxecto de centro social autoxestionado.

Namentres, estes días se enchen os medios de comunicación de noticias sobre a polémica do uso das instalacións do antigo cuartel de San Fernando, que deixaron morrer Xunta e Concello no canto de terlle xa dado un uso social e cultural tan necesario.

Moitos colectivos desta cidade observamos con estupor como pelexan dunha parte o Concello, a través dunha suposta Plataforma veciñal conformada pola Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Federación Veciñal, de comercio, Lugocentrum, a Asociación Provincial de Hostelería e a Asociación de Autónomas, todas elas integrantes do “Observatorio de Empresarios e Veciños para a Seguridade Cidadá en Lugo”, un dos principais impulsores da Ordenanza Mordaza -que derrubamos o pasado ano a través dunha mobilización popular sen precedentes-, que solicitan un “Museo da Romanización” para converter a Lugo nun centro turístico de exaltación da romanización; e doutra parte a Xunta, que reclama as instalacións para converter o antigo cuartel nun Parador turístico, recollendo a estela do Marqués de la Vega e Alfonso XIII que logo expandiu por toda España o Franquismo dos anos sesenta.

Pois ben, despois de dous meses sen resposta algunha das Administracións, que con este silencio asumen e manifestan que descoñecen, ou non queren facer público o mapa de locais baleiros da cidade, que van cada día en aumento. Con esta guerra entre elas na que pulan por converter a Lugo nun parque temático romano como forma irresponsable e insostible de xerar desenvolvemento económico; diversos colectivos sociais e culturais de Lugo reclamamos novamente, mediante este comunicado, que tanto Concello como Deputación fagan público o mapa de vivendas e locais baleiros da cidade e dean voz a alternativas para un uso social e cultural sostible que serva para tecer comunidade, a través da cesión dalgún deses locais, como o propio antigo cuartel de San Fernando, para a creación dun centro social autoxestionado por e para a veciñanza.

Mais polos propios feitos e caso omiso ata o momento, moi a diferenza da situación sempre de privilexio das asociacións de empresarios, a quen se lles agasalla edificios rehabilitados con cartos públicos para o seu desfrute, como a Casa Torre da Tinería (para unha vez máis centralo no turismo), nós movemos ficha. Polo que paralelamente a esta reclamación, convocamos unha asemblea aberta a todo veciño e veciña de Lugo para empezar a construír este novo e ilusionante proxecto que, con ou sen apoio das institucións, sairá para adiante.

A asemblea terá lugar o día 11 de xaneiro ás 19:00. O lugar da reunión anunciarémolo máis adiante.