Lugo Sen Mordazas naceu un 15 de Maio de 2018 ao calor de máis de 30 colectivos sociais, culturais e políticos (tamén individualidades) como forma de resposta ao goberno local do PSOE, no seu intento de impoñer en Lugo unha “Ordenanza Cívica” co apoio do Partido Popular e Ciudadanos, rebautizada como “Ordenanza Mordaza”, polas súas similitudes á Lei Mordaza aprobada polo Partido Popular en 2015.
Esta ordenanza pretendía restrinxir o uso do espazo público, estigmatizar e perseguir aos sectores máis vulnerables e censurar a actividade dos movementos sociais e políticos a través da represión e as multas administrativas, outorgándolle un poder totalmente arbitrario á policía local.
Dende Lugo Sen Mordazas sempre avogamos por un municipio onde poder expresarnos artística, cultural e politicamente de xeito libre, nunhas rúas vivas e alegres, onde os conflitos fosen solucionados mediante o diálogo e non a represión, crendo que esta última a través das multas só incrementan a desigualdade tanto económica como a discriminación política e social.
Pola contra, esta ordenanza foi impulsada e apoiada polos sectores máis reaccionarios da cidade, dende postos da propia policía local, moi cuestionada por parte dxs lucensxs, ata o autodenominado Observatorio de Empresarios y Vecinos para la Seguridad Ciudadana, dende onde pretenderon falar por todxs, creando ademais un alarmismo inxustificado, para o que non lles faltou o apoio da prensa local como El Progreso e La Voz de Galicia, moi lonxe da realidade, xa que os datos demostran que Lugo é un dos municipios máis seguros do Estado español.
Tras numerosas actividades a pé de rúa, como o Festival Incívico, acadamos o noso obxectivo que se viña traballando xa dende fai tempo e cuxo punto álxido foi a manifestación que percorreu Lugo o 26 de Setembro, con centos de persoas baixo faixas que proclamaban que “non era civismo, senón clasismo”, nunhas das manifestacións de carácter local máis numerosas que lembramos na nosa cidade.
Deste xeito, coa loita e o apoio popular, conseguimos bater no proxecto de tramitación da ordenanza que finalmente sería retirado no pleno do Concello, demostrándonos que a loita é o único camiño.
Trala marcha atrás no pleno, emitimos un comunicado no que celebrábamos a vitoria, pero onde tamén advertíamos de que estariamos atentxs ante calquera nova manobra ou calquera aplicación das normativas vixentes que supoñeren un atentando contras as liberdades individuais e/ou colectivas.
Posteriormente seguimos a reunirnos e dende a asemblea (órgano de decisión de Lugo Sen Mordazas) apostouse pola continuidade do que se demostrou ser un éxito baseado na sinerxía e unión entre persoas e colectivos de distintivas sensibilidades pero que compartiron metas comúns.
Tomada a decisión planificamos os seguintes obxectivos sobre os que se basearán as nosas liñas de acción:
- Obxectivo xeral:
Lograr un auténtico cambio social propiciado pola consecución dunha conciencia social crítica e participativa, que elimine toda mordaza e poña ás persoas e a satisfacción das súas necesidades no foco das acción, leis, normativas, etc. Tanto das administracións públicas como de calquera ámbito que afecte ás persoas e á sociedade en xeral.
- Obxectivos parciais:
1) Analizar, informar e sensibilizar sobre as leis, ordenanzas… con contidos represivos ou prexudiciais para os dereitos das persoas.
2) Loitar pola eliminación de toda forma de represión e pola consecución de solucións en positivo, dialogadas e que procuren a satisfacción das necesidades e das liberdades das persoas, nomeadamente das máis desfavorecidas.
3) Tecer novas redes de apoio e comunidade.
Con estes obxectivos pretendemos darlle a volta aos poderes fácticos e políticos que gobernaron e gobernan ata o de agora o noso municipio, golpeado polo contexto económico que chaman “crise”, pero tamén pola propia “idiosincrasia” que fai de Lugo unha cidade que é noticia por temas de corrupción, causa destes mesmos poderes, como o Caso Carioca, o Caso Pokemon… con case absoluta impunidade e sobre o que ningunha ordenanza nin lei pretende meter man.
Fronte a iso está a dignidade da xente de abaixo, os barrios e a organización popular, onde entre todxs podemos, e debemos, facer de Lugo un lugar mellor.
A próxima asemblea será o Luns 7 de Xaneiro ás 20h. na Cova do Raposo (Rúa das Nóreas, 12), onde convidamos á xente a participar para deseñar a programación de accións e actividades para o vindeiro 2019.