Queremos as bocas libres para cantar e asubiar: Viva a música nas rúas!

Artigo de opinión da asociación cultural Tele-Clube.

Tele-Cube é unha asociación cultural que naceu, hai escasos meses, coa idea de dar a coñecer diferentes espazos, tanto da provincia como da cidade de Lugo, coa música en directo como elemento integrador da propia escea física, da arquitectura que a rodea e da súa propia historia, como doutras disciplinas artísticas.

Os barrios da cidade de Lugo están inzados de edificios industriais e de instalacións culturais que perderon o seu uso inicial e foron pasando a un espazo de esquecemento colectivo, físico, cognitivo e emocional. Tamén hai rúas, pequenas prazas e calexas que perderon o seu uso como espazos de socialización e de recreo e quedaron como ermos deshumanizados. Por norma xeral, as diferentes iniciativas musicais realízanse en equipamentos deseñados exclusivamente para a música, para grandes concentracións de persoas ou en espazos céntricos das cidades e das vilas, o que xera unha fenda entre a relación da música e da cultura co día a día das persoas.

A nosa razón de ser pasa por desenvolver un programa de acción que enlaza a música con outras disciplinas artísticas e científicas coa intención de achegalas ao público na súa contorna cotiá, utilizando, como espazos de exhibición, edificios singulares ou enclaves urbanos pouco coñecidos revitalizados para os seus propios veciños. Do mesmo xeito, esta iniciativa agarda que o público se vaia trasladando entre os diferentes espazos para darlle realidade a zonas da cidade que soamente coñecen polo nome ou por vellas fotos dunha exposición.

Presentar os eventos fóra de “espazos adicados a eventos” constitúe unha acción de chamada á veciñanza á súa participación, non como meros espectadores, senón como parte da propia actividade, entendendo ao público, non como un suxeito pasivo, senón como un elemento activo da creación artística e cultural da cidade; e que sexa a propia actividade a que vaia na procura do público na súa propia contorna cotiá e non ao contrario.

Pretendemos que o noso proxecto teña a capacidade para promover unha diversidade sociocultural do público, a accesibilidade e as relacións interxeneracionais, da infancia á poboación máis envellecida, coa integración de persoas e colectivos en situación de vulnerabilidade, que habitualmente quedan á marxe e alleas das habituais propostas culturais para determinadas élites sociais exclusivas e dunha franxa de idade xove enclavadas habitualmente no centro da cidade.

O obxecto último da iniciativa que defendemos é que a través da celebración de eventos artísticos en espazos públicos, quede unha pegada inédita na veciñanza e no tecido asociativo para poder reutilizar despois estes espazos para a propia comunidade social, xerar un impacto sociocultural no territorio a nivel de “barrio” e posteriormente de vila, de sentimento de “comunidade”, coa implicación, colaboración e participación do tecido cultural, asociativo e veciñal da zona para acadar unha maior relevancia e participación coa capacidade de atraer e interesar ao público e fomenta-lo interese e a fidelidade a potenciais proxectos culturais, e sociais, que están por vir e que pretenden revitalizar a cidade e convertela nun espazo para tódalas persoas e sensibilidades, aberto e inclusivo.

Dende Tele-Clube compartimos e defendemos que é preciso modifica-la dinámica e ampliar o campo de acción do que denominamos “música en directo”, baixo unha condición fundamental que se pretenden desenvolver de xeito transversal no noso inicial proxecto:

Abrir os espectáculos musicais a outras disciplinas e espazos fora dos tradicionais (auditorios, teatros ou salas de concertos), porque ademais de carecer deles en moitos lugares da provincia e da propia cidade; porque, grande parte deses espazos habituais para a música en directo soen ser excluíntes para diferentes grupos sociais que pretendemos recuperar e fidelizar ás accións sociais e culturais que promove a nosa asociación -persoas maiores, con mobilidade reducida ou diversidade funcional, infancia, familias monoparentais, etc-.

O noso punto de partida é desenvolver os nosos eventos en lugares como as prazas da vila, a carón do río, nunha antiga fábrica, que poden dar lugar a unha maior posibilidade de participación activa da veciñanza cun esforzo mínimo, pois poderán ir acompañadas diferentes xeracións ao mesmo lugar a desfrutar das actuacións, ao tratarse de espazos próximos en horarios diúrnos e compatibles coa diversidade de idades, accesibles, coa posibilidade de conciliación entre a familia, o lecer e a cultura.

Este é o manifesto de Tele-Clube, a nosa razón de ser, a nosa identidade, pero xusto coincidindo coa nosa creación chocamos frontalmente con dúas pedras que se interpuxeron no ilusionante camiño que empezamos:

O proxecto de Ordenanza de Convivencia e Seguridade Cidadá que pretende aprobar o Concello de Lugo e nova Lei de Espectáculos Públicos da Xunta de Galicia, ambas normas, excluíntes, sancionadoras e castradoras coa utilización de espazos públicos para un uso cultural e social, cando menos como nos o entendemos.

“Pedir permiso” para usar a rúa é a forma que teremos de poder desenvolver as nosas accións culturais e así teremos que facelo, pero tampouco poderemos pegar cartaces nin repartir unha folla anunciando un concerto pola nosa vila. Grave delito que atenta contra a convivencia, ése.

Tele-Clube é unha asociación cultural sen ánimo de lucro, non é a programación de concertos a nosa forma de vida, poderemos borrar o noso soño ou modificalo de acordo á Ordenanza Cívica, pero poderemos seguir enchendo a neveira cada semana e mercando algún disco. Temos traballo.

Mais Tele-Clube é tamén unha forma de vida, un sentimento compartido entre os catro membros da asociación, de crear unha cidade mellor, máis viva. As mulleres e homes que tocan na rúa, sen permiso, como se poñerlle banda sonora festiva a unha miserable tarde de domingo fora un delito, teñen o mesmo dereito que nos de dar a coñecer o seu traballo, non hai máis que lembrar que de tardes de metro ou en prazas públicas, tocando, xurdiron as mellores bandas do mundo e que aínda que non sexan as mellores, merecen que se lles respecte a súa forma de vida.

Por unha cidade libre e viva, pola reapropiación para a veciñanza dun uso social e cultural das rúas, Tele-Clube está en contra da Ordenanza “Mordaza”.

Queremos as bocas libres para cantar e asubiar.

Fotografía do concerto de Kike Ganso por Xosé Marra durante o festival incívico.