Cine ao aire libre ’19

Retomamos unha das nosas actividades máis celebradas do ano pasado: o cinema de verán ao aire libre. Vemos na recuperación e creación de actividades sociais e culturais nos espazos comúns como a forma necesaria de tecer comunidade entre as veciñas de Lugo, creando e fortalecendo lazos e redes de apoio. Modelo fronte ao ocio encamiñado ao consumo, onde as terrazas de bares e restaurantes expándense cada vez máis case como forma única de ocio nos cascos históricos, e que representa unha idea da cidade economicista e planificada cada vez máis para o turismo.

Así, tódolos xoves ás 22h. (agás previo aviso) dos meses de xullo e agosto, proxectarase unha película de contido social, sempre cunha temática relacionada coa loita polas liberdades, na praciña da Canella do Hospital (canellón que une Santo Domingo co Carril do Son que dá á Praza de Abastos), aberta a tódalas persoas que desexen achegarse a participar.

Convidamos a adultos e crianzas a acompañarnos nestas noites de verán, nas que coa escusa do cinema, compartiremos un par de horas en comunidade facendo unha necesaria reflexión e crítica social.

* Os filmes serán en V.O. subtitulados (agás demanda do público para que sexa dobrada ao galego/castelán por cuestións de accesibilidade).


PROGRAMA. 

  • Xoves 11 de Xullo: este Ciclo de Cinema de Verán “Sen Mordazas” iniciarase o xoves 11 de xullo coa proxección da cinta árabe “A Bicicleta Verde”, da primeira muller árabe en dirixir unha película: Haifaa Al-Mansour.

Este primeiro film relata as andanzas de Wadjda, unha valente crianza de dez anos que ten que enfrontarse á patriarcal e ríxida sociedade saudí, para poder cumprir o seu soño de montar en bicicleta, un xoguete prohibido para as nenas por poñer en risco a súa honorabilidade.

  • Xoves 18 de Xullo: «Pride».

No verán de 1984, sendo primeira ministra Margaret Thatcher, o Sindicato Nacional de Mineiros (NUM) convoca unha folga. Durante a manifestación do Orgullo Gai en Londres, un grupo de lesbianas e gais dedícase a recadar fondos para axudar ás familias dos traballadores, pero o sindicato non acepta o diñeiro. O grupo decide entón poñerse en contacto directo cos mineiros e van a unha aldeíña de Gales. Empeza así a curiosa historia de dúas comunidades totalmente diferentes.

  • Xoves 25: NON HABERÁ CINE EN CELEBRACIÓN DO DÍA DA PATRIA.
  • Xoves 1: A terceira sesión do cine na rúa tratará o tema da emigración/inmigración ao través de dúas curtometraxes:

«Mamasunción» unha das curtometraxes máis famosas do cine galego. Unha curta que ofrece unha mirada lírica e crítica sobre os efectos da diáspora galega.

«A viaxe de Said» curtometraxe de animación que narra a historia de Said, un neno marroquí, que cruza o Estreito. Ao outro lado, no país das oportunidades, descubre que o mundo non é tan fermoso como lle contaran

  • Xoves 8: CANCÉLASE POLA PREVISIÓN METEREOLÓXICA «The Florida Project». Unha nena de 6 anos e os seus amigos pasan o verán nun pequeno motel moi próximo a Disneyworld, mentres os seus pais, nais e o resto de adultos que lles rodean sofren aínda os efectos da crise.
  • Xoves 15: NON HABERÁ CINE AO SER DÍA FESTIVO.
  • Xoves 22: «Os espigadores e a espigadora». Percorrendo Francia, Agnès Varda atopouse con espigadores, recolectores, xente que busca entre o lixo. Por necesidade, ou por puro azar, estas xentes recollen os obxectos refugados por outros. O seu mundo é sorprendente. E a directora, á súa maneira, é tamén unha especie de espigadora que selecciona e recolle imaxes aquí e alá.
  • Xoves 29: «Nun mundo libre». Historia ambientada en Gran Bretaña que trata sobre a flexibilidade laboral, a globalización, as quendas de traballo, os salarios baixos e o consumismo. Angie e Rose, dúas compañeiras de piso, deciden abrir unha axencia de traballo temporal para inmigrantes. Pronto se dan conta de que a súa empresa móvese nun mundo no que a man de obra é moi barata e as leis nunca se aplican. É, sen dúbida, un negocio moi rendible.

cine lugo sen mordazas