???? Dende Lugo Sen Mordazas vimos de comprobar como cada vez existe menos intimidade na nosa cidade pola instalación de cámaras de vixianza tanto públicas como privadas.
O espazo público convértese entón nun reality show onde as cámaras todo o ven e onde o uso destas é moi cuestionable, e máis segundo se van conformando leis que atentan contra as liberdades.
Por iso queremos iniciar un estudo de campo para coñecer canto estamos sendo vixiadas e para iso precisamos a túa colaboración❕
– Como❔
Para facer o mapeo das cámaras que hai en Lugo baixa a aplicación para o móbil que podes atopar en Play Store, chamada Where Are The Eyes de Daylighting Society.
O seu uso é moi intuitivo e guíase mediante un mapa ao estilo «Google Maps»: o primeiro paso é que che vai pedir que introduzas un nome de usuario na súa páxina web externa. Nome que logo meterás na aplicación do móbil a través do icono de axustes.
Logo tes que ter activada a ubicación, abrir a app e darlle os permisos necesarios. Cando esteas xusto debaixo da cámara de videovixianza pulsa o botón que é un “ollo”, pedirache confirmación e o móbil vibrará. Nese momento queda rexistrada a cámara, pero é probable que non apareza no mapa ao instante, pois cada cámara necesita máis dunha verificación por parte doutras usuarias. Conforme outras persoas verifiquen as cámaras marcadas aparecerache no contador da parte superior ao lado do icono da cámara.
O obxectivo é facer o mapeo de xeito colaborativo, pero ademais isto servirá para que a xente que participa empece a ser consciente de como e canto estamos sendo controladas. Rexistra as cámaras que te atopes tanto na vía pública como en negocios que enfoquen á rúa, como por exemplo moitas das cámaras das sucursais bancarias (só se enfocan ao espazo público).
Este será o paso número un para o que será a primeira investigación deste tipo en Lugo. E seguro que te sorprenderá a cantidade de cámaras que che están a vixiar diariamente.
Descarga a app dende Play Store.