Este Venres, a Policía Local expulsou a seis persoas que estaban realizando un acto na Praza Maior en pro da concienciación dos dereitos dos animais pese á autorización da Subdelegación do Goberno.
A acción, O Cubo da Verdade (en inglés «Cube of Truth»), é realizada por Anonymous for the Voiceless (Lugo) e lévase a cabo en países de todo o mundo. Consiste nunha serie de persoas vestidas de negro que se xuntan formando unha figura xeométrica, cada unha delas con máscaras de Anonymous. Portan un ordenador ou unha tablet para mostrar diferentes imaxes co obxectivo de aumentar a sensibilización cos animais. Esta acción levábase facendo mensualmente en Lugo dende Abril do pasado ano sen ningún tipo de problema.
Segundo a súa organizadora en Lugo, Marta Castro, o obxectivo do Cubo da Verdade é mostrar que «hai detrás da explotación animal, dende a industria cárnica, as peles ou a industria dos ovos achegando o veganismo á xente» mediante unha performance na que se ensinan diferentes «vídeos desta realidade».
Ademais de mostrar o material visual, algunha persoa integrante do cubo fala con aqueles transeúntes que se interesan polo tema: «Nós nin sequera abordamos á xente en ningún momento, simplemente falamos con que se mostra interesada e se achega a nós, sempre de forma moi educada e sen molestar».
Denuncian que como todas as veces deron aviso na Subdelegación do Goberno dúas semanas antes e en ningún momento recibiron ningunha negativa que impedise realizar a acción.
Marta conta que ata esta xornada o trato por parte da policía foi sempre cordial. Pero desta vez ao pouco de levar unha hora (os Cubos da Verdade duran tres horas), parou unha parella da Policía Local cunha «actitude seca», preguntándolles que quen eran e se tiñan algunha autorización. A pesares de mostrar a copia do comunicado da Subdelegación do Goberno, a parella da Policía Local «convidoulles» a marchar alegando que ese papel poderían telo feito elxs mesmos e que estaban molestando, cando estaban na parte de abaixo da Praza Maior: unha rúa peonil, ampla e onde xs activistas abríanse sempre paso para deixar pasar aos poucos vehículos que circulaban. Tampouco recibiron ningunha queixa por parte de ningún transeúnte, senón máis ben o contrario, pois segundo as propias organizadoras e participantes tiveron unha boa acollida.
Finalmente decidiron marchar para «evitar posibles represalias», e a propia Marta nos conta que esta situación de abuso supuxo unha moi mala experiencia para todxs, incluso ao punto de chorar ao chegar á súa casa da propia impotencia. Non obstante afirma que non pensan parar de realizar estas accións.
Contactado coa Subdelegación do Goberno confirmaron que todo estaba dentro da legalidade e que deran aviso ao propio Concello e que non entenden porque a Policía Local nin procedeu a comprobalo.
Isto supón unha grave violación de dereitos fundamentais como a liberdade de expresión e a reunión por parte da Policía Local de Lugo, que se suma a outros episodios recentes.
Dende Lugo Sen Mordazas tomaremos medidas e estudaremos o tema tanto a nivel xudicial como posibles accións en solidariedade coas activistas animalistas e reivindicando, unha vez máis, unhas rúas por e para todas.
Vídeo: Cube of Truth de Anonymous for the Voiceless en Lugo o 27 de Abril de 2018.