Hai causa dun ano dende Lugo Sen Mordazas (LSM) arranxabamos un espazo completamente abandonado polas administracións locais, o da Casa-Torre da Tinería, para alí facer sesións de cinema populares para todas e todos e dinamizar así un lugar que servira para toda a poboación.
A resposta do eixe reaccionario Xunta-Concello (PSOE-PP naquel intre) foi inmediata: o espazo foi de súpeto valado pola Xunta de Galicia para, supoñíase, a súa rehabilitación. A realidade é que un ano vista, o espazo no canto de ser rehabilitado foi inhabilitado: alí seguen as vallas e simbolicamente as malas herbas que nos encargaramos de rozar tempo atrás volven crecer e brotar con forza.
O despropósito da administración non é sorprendente, é ben sabido o seu empeño por mirar para só uns poucos e tentar dinamitar as actividades propostas dende LSM que se basean nunha cidade popular e non na acumulación e reprodución de capital, o cal semella o seu único interese.
Mais hai un mes o descaro co cal nos tratan coma cidade superouse superando outro límite na súa especulación capitalista coa nova xestión do devandito espazo: a libre cesión da parcela para a Asociación de Empresarios de Hostalaría e Turismo.
Estamos a falar xa non só da privatización de espazos públicos senón de agasallar directamente estes para que uns poucos sigan a acumular riquezas a costa do que é de todos e baixo a nosa propia explotación. O caso aínda se volve mais grave, se cabe, posto que o terreo ten un valor histórico encomiable de época tardomedieval e que limita coa muralla romana, o clientelismo da administración regala así no “pack” da barbarie a nosa propia historia.
O clúster de empresarios do turismo da Galicia faise eco da nova incluso na súa propia web onde apuntan que Román Rodríguez e Ángeles Vázquez –titulares de Cultura e Turismo e Medio Ambiente respectivamente– afirman: “trala súa restauración, o inmoble será cedido á Asociación de Empresarios de Hostelería y Turismo, APEHL, que instalará nel as súas dependencias administrativas, o que traerá consigo “un importante aforro de recursos para a entidade”.
Ou dito doutra maneira: o pobo paga a reforma e logo o cacique queda co chiringuito.
Esta manobra neoliberal responde a relación que a Xunta gobernada polo PP ten co Concello de Lugo onde gobernan PSOE e BNG posto que segundo informacións achegadas a El Progreso (“A Tinería, El Barrio donde nadie paga”) , o Concello ten débedas de ata 27.000 € co Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) polo aluguer de espazos –en condición semellantes a este caso– namentres que o propio concello afirma; é o propio IGVS quen ten débedas co concello por impostor de IBI e sucedáneos.
Dende Lugo Sen Mordazas témolo claro, a barbarie neoliberal do clientelismo mafioso e, xa non a privatización, senón a cesión a custo 0€ dos nosos espazos públicos a unha serie de amigos pequenoburgueses con afán de máis e máis acumulación a costa da nosa riqueza e dos nosos lombos non é o modelo de cidade que imos permitir.
Nesta tesitura semella que ningún dos axentes políticos que dominan as administracións: sexa PP na Xunta ou PSOE e BNG no Concello queren mudar estas dinámicas. Especialmente ferinte resulta ver a pasividade do BNG ante esta situación, posto que tempo atrás dicíanse parte de LSM e apuntaban as miserias do goberno socialista mais agora todo semella máis claro; puro oportunismo político para conseguir os seus sillóns e manter a Lugo nesta situación gatopardiana.
Dende Lugo Sen Mordazas non imos ficar calados e caladas, nin un paso atrás ante este despropósito.
A Tinería é nosa, igual que o resto de cidade, imos loitar por ela!
Fontes:
Guerra política en A Tinería: La Xunta no paga una licencia pese a cuatro advertencias del Concello
A Tinería, el barrio donde nadie paga
A Xunta rehabilitará a Casa-Torre da Tinería como espazo de turismo enogastronómico
La Xunta asumirá la rehabilitación de la casa-torre de A Tinería, en Lugo, para convertirla en un espacio vinculado al turismo enogastronómico