A (in)eficacia das institucións públicas fronte a autoxestión veciñal

Artigo de opinión da Rede de Apoio Mutuo de Lugo


Hai menos de un mes que un grupo de persoas, colectivamente e de xeito autónomo, habilitaron o solar que hai a carón da Porta Miñá, completamente abandonado dende fai anos. Estas persoas encargáronse de rozalo, limpalo e preparalo para que puidese ser usado por todxs como o espazo público que é, coidándoo e traballándoo coa finalidade de realizar un ciclo de cine de barrio, crear comunidade e alternativas ao ocio capitalista, partindo da idea de que a cultura, como as rúas, debe ser de todxs.

Ata este momento ningunha entidade pública fixo nada por recuperar a usabilidade desta parcela, que non parecía interesar para ningún propósito comercial. Mais, tralo éxito desta proposta popular, da noite para a mañá, o espazo apareceu valado, con dous carteis da Xunta como bandeira, impedindo a entrada e, por suposto, a continuación do ciclo de cine nese lugar.

Do mesmo xeito que apareceu ese valado desapareceu o mural de Lugo Sen Mordazas ubicado na Rúa San Roque. Tamén feito de xeito colectivo, con un coidado interese pola estética. Tardaron tres días en borralo; sen embargo, as pintadas da parede de ao lado mantéñense inda agora.

Estes actos de «limpeza» repentina e selectiva non son casualidade: son o medo dalgunhas institucións á nosa autoxestión, a que poidamos organizarnos sen elxs, inda máis cando procuran facernos dano coas súas ordenanzas retrógradas e restritivas, centradas no interese económico e empresarial. Mentres intentan limpar de reivindicacións a cidade con sorprendente eficacia e rapidez, manteñen descoidados os outros espazos públicos. Non desaparecen as pintadas que, baleiras de crítica social, perduran por anos. Tampouco reforman os solares cheos de maleza, os edificios ruinosos nin reparan na situación de abandono dalgúns dos barrios periféricos da cidade.

Son exercicios de censura continuados e torpes, que, finalmente, rematan por mostrar a verdadeira cara de quen os realiza. Mentres sigan reprimindo e procurando invisibilizar a nosa actividade, nós voltaremos con máis forza. O cinema segue, os murais continuarán a aparecer e o tecido social seguirase fortalecendo dende a cultura libre e a autoxestión.

lugo sen mordazas cine censura psoe
Pancarta protesta contra o vallado do Patio do Barrio