VI Olimpíadas Populares Galegas: deporte, convivio e autoxestión

Despois dun ano de parada, desde as últimas, Cerdedo’16, volveron as Olimpíadas Populares Galegas, as olimpíadas dos movementos sociais. Da man da Asociación Xermolos e o Mádia Leva, emprazáronse os pasados días 8 e 9 de setembro nas vilas de Parga e Guitiriz, aproveitando os fermosísimos espazos naturais da Carballeira de Parga e os Sete Muíños, respectivamente.

Desta volta participaron seis equipas formadas por máis de 80 atletas de diferentes puntos da Galiza: Lugo, Burela, Guitiriz, Furelos, Vigo, A Guarda, Compostela, Cerdedo, etc.

A primeira xornada rematou coa equipa do LS Faísca de Vigo liderando a clasificación, despois da disputa das 8 primeiras probas (100 m lisos, chave, salto de lonxitude, arrebolamento de sacho, xadrez, tiro de fisga, cañoteiros e billarda). As probas da segunda xornada (lanzamento de boina, o voleibol, o triatlom por relevos, a loita galega, os 5000m e brilé) supuxeron unha revolución na clasificación, que rematou finalmente coa equipa local da Asociación Xermolos levándose o trofeo de campioas. Houbo ademáis agasallos para tódalas equipas participantes: cada equipa levou consigo dúas árbores autóctonas para plantar na súa zona.

Salto de lonxitude

Isto en canto á cuestión deportiva. Pero as Olimpíadas Populares Galegas van moito máis alá, pois son ante todo un punto de encontro para persoas e colectivas de distintos lugares do territorio, preocupadas polo futuro da Galiza. Unha experiencia de autoxestión, convívio e deporte popular, onde a competitividade ocupa un segundo plano.

Unha xornada que se organiza, desenvolve e financia de xeito autónomo, coa colaboración de tódalas equipas e fóra dos círculos do capital.

Lonxe dos ambientes nocturnos, cómpre a existencia deste tipo de espazos diversos e interxeracionais onde vernos as caras, alentarnos, compartir loitas e coller forzas e sinxerxias para afrontalas.

Lugo Sen Mordazas estivo alí, onde presentamos a plataforma e a próxima mobilización do 26-S e se expuxo a situación actual da “Ordenanza Cívica” que a oligarquía lucense nos quere impoñer contranatura.

Ademais das nosas reivindicacións, houbo tempo para que algunhas das persoas que participan activamente na plataforma tamén foran parte das olimpiadas. Tamén á hora de xantar, onde non podía faltar a imaxe dunha gran paella para que as deportistas recargasen as súas enerxías, e tamén como forma de autofinanciación da propia plataforma.

Paella sen mordazas

É vital, polo tanto, seguir pulando pola supervivencia deste tipo de encontros que nos permitan crear e alimentar relacións entre as diferentes persoas e colectivas que se moven e actúan na vida política, social e cultural da Galiza, manternos fortes e unidas nas loitas que cada unha de nós vivimos e ensinarnos a nós mesmas e ao resto da sociedade que somos moitas máis das que pensamos e que a nosa presenza é moito maior da que moitos nos queren facer pensar que é.

Longa vida ás Olimpíadas Populares Galegas!

Equipa de colectivos da cidade de Lugo e Burela

Algunha colección de imaxes (clic para agrandar)

[ngg_images source=»galleries» container_ids=»2″ display_type=»photocrati-nextgen_basic_thumbnails» override_thumbnail_settings=»0″ thumbnail_width=»240″ thumbnail_height=»160″ thumbnail_crop=»1″ images_per_page=»30″ number_of_columns=»0″ ajax_pagination=»1″ show_all_in_lightbox=»0″ use_imagebrowser_effect=»0″ show_slideshow_link=»0″ slideshow_link_text=»[Mostrar presentación de diapositivas]» order_by=»sortorder» order_direction=»ASC» returns=»included» maximum_entity_count=»500″]

 

Algunhas imaxes pertencen a El Progreso A Chaira