A Plataforma “Lugo Sen Mordazas”, nace no mes de maio de 2018 co obxectivo de tumbar a Ordenanza de Seguridade e Convivencia Cidadá que pretende aprobar a alcaldesa do PSOE, Lara Méndez. Dita Plataforma agrupa a persoas, de xeito individual, e colectivos de diversa índole, que amosan a súa disconformidade co borrador de dito texto, represivo, sancionador e propio dun antigo réxime.
Entre as moitas razóns polas que as persoas e colectivos sociais e culturais de Lugo que forman parte desta Plataforma están en contra da chamada “Ordenanza Mordaza” están: que queremos expresarnos libremente na rúa, tanto política, cultural como artisticamente; queremos rúas activas e alegres onde poidamos xogar e crear; porque somos persoas e, como tales, precisamos cantar, xogar, relacionarnos e durmir tamén nos espazos públicos. Por iso non aceptamos as sancións absurdas e desproporcionadas que se propoñen, de 750 a 3.000 euros por case calquera tipo de actividade que se realice na vía pública sen a autorización municipal, e sempre baixo o arbitrio do que o axente municipal de quenda, considere que altera a convivencia cidadá ou pon en risco a seguridade −materia que, por outra banda, é competencia do Estado e ha de ser regulada a través dunha lei orgánica−.
Ademais disto, esta Ordenanza aplica a censura, xa que as asociacións culturais, colectivos sociais, sindicatos, organizacións políticas, etc., non poderán pegar carteis, recoller sinaturas na rúa, repartir folletos ou colgar pancartas sen autorización municipal expresa. Ademais das multas de ata 3.000 euros, a Policía Local poderá requisar de xeito cautelar todo o material.
En tres meses de andadura, esta Plataforma pronunciouse dando apoio ás veciñas do barrio da Tinería, ás que algúns hostaleiros que defenden publicamente a aprobación desta Ordenanza Mordaza pretenden botar do barrio; celebrou un “Festival Incívico” con todo tipo de actividades na rúa, inclusivas para a veciñanza, para todas as idades, na praza Maior de Lugo; ademais, segue a recoller sinaturas en contra da Ordenanza e continúa a promover actividades nos espazos públicos ao longo de todo o verán e o outono, para desmontar a idea de civismo que algunha mentalidade retrógrada pode ter aínda no pensamento; pero, esta Plataforma, unha vez máis, facéndose eco das demandas e problemas que á veciñanza da rúa preocupan, hoxe se pronuncia tamén sobre outras actuacións lamentables deste Goberno Local: o emprego de grande cantidade de fondos públicos para sufragar eventos culturais de dubidoso interese e cuestionable necesidade, organizados por empresas privadas alleas á cidade, en detrimento da aposta polas asociacións e promotoras culturais de Lugo.
Neste sentido, a Plataforma Lugo Sen Mordazas, amosa a súa desconformidade co anuncio por sorpresa da alcaldesa, o pasado día 20 de xullo, da celebración do “Caudal Fest”, un festival que pretende atraer 10.000 persoas á cidade, facéndoo coincidir, 21 e 22 de Setembro, nas datas do festival de iniciativa local, Festiblas, que este ano celebra a súa novena edición, sen ningún tipo de subvención municipal.
Resulta penoso que este Concello decida contraprogramar de xeito asoballante ás pequenas pero importantísimas achegas que dende hai xa algúns anos algunhas asociacións, colectivos e particulares sen ánimo de lucro, están tecendo para acadar e consagrar unha oferta cultural inclusiva e de calidade, pensada por e para a nosa veciñanza. Este goberno municipal, unha vez máis, no canto de apoiar á cultura ofertada pola veciñanza para a veciñanza, prefire apostar por encher a cidade a finais de Setembro de, maioritariamente, turistas famentos de macrofestivais, que gastarán algúns cartos nalgún punto concentrado da hostalería local, sen reportar beneficio social á cidade, que é no que o Concello debera investir todos os folgos.
Dende a Plataforma Lugo Sen Mordazas queremos amosar o noso apoio ás iniciativas locais de persoas que, sen afán lucrativo, deciden arriscarse −atopando atrancos por parte da administración local, no canto de apoios− para ofreceren un programa cultural aberto á veciñanza, como é o 9º Festiblas, que se celebrará en Lugo, no Clube Clavicémbalo (sala de concertos con 31 anos xa de vida na cidade) os vindeiros 21 e 22 de Setembro. Consideramos un despropósito absoluto a subvención que recibirá unha UTE de promotoras privadas, uns 217.000 euros que saen dos nosos petos para que estas acumulen preto dun millón de euros de beneficios. Empresas que pouco ou nada teñen que ver coa cultura local. Para facernos unha idea, esta cantidade supón os mesmos cartos que reciben tódalas asociacións e ONG’s de Lugo que se adican á cultura e ao medioambiente, engadindo todas aquelas organizacións que funcionan sen ningún tipo de subvención.
Tamén queremos saber que permisos e en que data foron solicitados e concedidos −pola Confederación Hidrográfica− para a celebración de dito evento na contorna do Río Miño, habida conta do seu máis que probable impacto ambiental, pois se está a falar dunha previsión de 10.000 persoas.
Por unha cidade viva e libre, inclusiva, na que se aposta pola cultura promovida pola veciñanza para a veciñanza, como instrumento de cohesión social e desenvolvemento comunitario, eu non vou ao Caudal Fest!