Preservar a comunidade: dereitos, alternativas de convivencia e saúde
En marzo celebraremos o terceiro ciclo de xornadas de Lugo Sen Mordazas. As conferencias dos martes serán no salón de actos do I.E.S. Lucus Augusti e a xornada do sábado, con festa incluída, será no C.S.A. Vagalume (rúas das Nóreas, 5). Descrición das charlas a continuación do cartaz.
Programa:
- Martes 10 ás 20 horas
RENDA BÁSICA DAS IGUAIS E FEMINISMOS, con Mari Fidalgo (xentes de Baladre):
Imaxina que todas as persoas recibimos unha cantidade de diñeiro mensual que nos permite cubrir as nosas necesidades, sen ter que xustificar nada. Imaxina, ademais, que é economicamente viable. Como cambiaría iso a túa vida? Como cambiaría, especialmente, a vida das mulleres? Imaxina tamén que unha parte dese diñeiro vai á comunidade para xestionalo comunitariamente.
Estamos a presentarte a Renda Básica das Iguais, que cuestiona a incapacidade do emprego no marco capitalista para garantir unhas condicións de vida digna e en liberdade; e que se cruza cos prantexamentos da economía feminista, que critica a visión androcéntrica dun sistema que desbota ás persoas e os traballos que sosteñen a vida (coidados, traballos comunitarios, etc.)
- Martes 17 ás 20 horas
A SAÚDE MENTAL NA ENCRUCILLADA: os dereitos humanos como solución colectiva, con Rosa Cerqueiro (Psicóloga clínica do Sergas e voceira do Movemento Galego de Saúde Mental):
A nosa cidade viviu un elevado número de suicidios o pasado ano, entre estes varias mulleres que traballaban no eido sanitario, sendo Lugo a única provincia do Estado Español na que no pasado ano non descendeu o número de mortes autoinflixidas e que duplica a taxa do resto do Estado español. O illamento e enfermidades crónicas non axeitadamente tratadas, así como factores de risco psicosocial están detrás destas causas, como a precariedade laboral, un modelo de sociedade consumista, mercantilista e competitiva, cada vez máis esixente coas persoas e na que non se perdoa o fracaso nin a mediocridade, o que leva a unha situación de anomalía e frustración que empurra a moitas á depresión e ao suicidio. Paralelamente o incremento de enfermidades mentais e a falta de recursos asistenciais e de apoio, levaron nos últimos tempos a unha patoloxización da sociedade e a un incremento no consumo de psicofármacos promovido, en boa parte, polas grandes empresas farmacéuticas que converteron a unha grande parte da poboación en seres adormecidos e adictos á química.
- Sábado 21 (C.S.A. Vagalume)
19 horas; LOITA E RESISTENCIA DENDE OS NOSOS BARRIOS
ERREKALEOR: historia e presente do barrio okupado e autoxestionado de Vitoria Gasteiz, con veciñas da comunidade.
Errekaleor é un barrio da cidade de Gasteiz (Euskal Herria). Un barrio historicamente obreiro ancorado ao desenvolvemento industrial da cidade nos anos cincuenta con 192 vivendas. Nos anos 2000 apróbase o Plan Xeral de Ordenación Urbana de Vitoria e en 2002 comezaron as primeiras recolocacións de residentes noutras zonas da cidade. Moitas familias néganse ao abandono ao que se suma a cancelación temporal do plan no 2010 debido ao estalido da burbulla inmobiliaria. O barrio queda semiabandonado por parte das institucións e en 2013, 10 estudantes ocupan unha vivenda. Comeza entón un proxecto de autoxestión, contando actualmente con máis de 120 persoas divididas en 16 bloques domésticos e áreas comúns como o cine, a biblioteca, a escola, un taller de artesanía, a panadaría, un frontón, hortas, etc. Un espazo de resistencia na cidade.
GAMONAL: da loita veciñal á organización social no barrio de
Burgos, con María (integrante Asemblea de Gamonal).
Gamonal, un barrio de Burgos que saíu á palestra polas duras protestas veciñais en 2013 contra a construción dun bulevar presupostado en 8,5 millóns de euros, nunha confluencia mafio política-empresarial, que ía contra os intereses da veciñanza, mentres o desemprego e os problemas económicos eran a orde do día deste histórico barrio obreiro. Comezaron asembleas veciñais masivas, enfrontamentos directos contra a policía, mediatización das protestas… ata que finalmente se conseguiu a súa paralización. Pero que hai detrás desta explosión? Percorremos a historia de Gamonal e a organización veciñal con María, integrante da Asemblea de Gamonal e parte do Centro Social Recuperado Gamonal.
Ás 21:15 horas haberá picoteo vegano e ás 22 horas concerto de M. BELLO & L. BEDU, un dúo en acústico de blues e rock urban formado por dous dos integrantes de Conducto Coloquio.
- Martes 24 ás 20 horas
SOCIEDADE DE CONTROL: política e crime no presente, con Borxa Colmenero (doutor de dereito penal na Universidade da Coruña):
Son moitas as fracturas sociais que vivimos nos nosos días, discriminacións e abusos que se ceban coas mulleres, crianzas, maiores, migrantes, racializadas, pobres, promovidas tamén e exercidas da propia man do Estado de control, que pretende unificar nun pensamento común á sociedade, baixo o argumento de que o control e a seguridade están por riba da liberdade, co medo como escusa e como arma de destrucción das diferencias. O profesor de Dereito Penal, Borxa Colmenero fará, con nos, unha análise socioxurídica do conxunto de dispositivos de control social-penal do presente e que, algúns autores, chaman de «sociedade do control», introducindo elementos como a vulneración de dereitos das persoas máis vulnerables, o antiterrorismo ou a «Lei Mordaza».
- Marte 31 ás 20 horas
«RAYOS»: máis alá da novela, un repaso pola Barcelona postolímpica e a xentrificación progresiva, con Miqui Otero, escritor e profesor de Xornalismo Literario na Universidade Autónoma de Barcelona:
«Rayos» é unha novela publicada en 2016 por Blackie Books, na que o seu autor describe a transformación da súa cidade, Barcelona, dende a visión infantil dun neno procedente da Costa de Lugo que se traslada coa súa familia a procurar un «futuro mellor» e, paralelamente, dende a perspectiva do mesmo protagonista cuns cantos anos máis, cando decide emanciparse e pasar a convivir co seu grupo de amigos a un piso ruinoso dun barrio refén da xentrificación e turistificación, froito dos pelotazos urbanísticos que arrasaron coa cidade como efecto do auxe da construción nas Olimpiadas do 92. O seu autor, Miqui Otero, fará unha presentación da súa obra coa lectura interactiva dalgún dos seus fragmentos máis significativos desas situacións, noveladas pero reais, das vivencias dos seus personaxes como consecuencia desa progresiva turistificación e especulación urbanística que levou á expulsión das veciñas dos barrios de Barcelona. Con el debateremos e falaremos do antes e o despois dese parque temático no que se convertiu a cidade, con moitas vítimas como saldo.