- O Concello de Lugo agasallará con 310.970 euros á unha UTE (Unión Temporal de Empresas privadas)
- Bring The Noise é a principal organizadora xunto a EsmerArte, que en 2018 recibiron 2’5 millóns de euros a dedo por parte da Xunta de Galicia.
- A fórmula escollida este ano é a do patrocinio, que implica máis opacidade que a fórmula de 2018, que foi unha subvención.
O Caudal Fest, que celebra este ano a súa segunda edición, recibirá 166.774,39 euros máis que o ano pasado. O incremento non se debe só ao aumento na partida orzamentaria (310.970 euros con I.V.E. incluído), senón tamén á formula escollida: un contrato de patrocinio publicitario a través da Área de Desenvolvemento Local, co concelleiro Mauricio Repetto (PSOE) como máximo responsable da mesma.
O choio da opacidade.
O contrato de patrocinio esixe menos requisitos legais que a subvención, polo que o converte nunha fórmula de financiamento máis opaca. Ademais, ao contrario da subvención, onde o diñeiro recibido ten que ir destinado só a gastos xustificados −como pode ser o gasto en infraestruturas, salarios, etc.− na fórmula escollida deste ano, todo o montante irá á empresa privada, xa que estas poderán emitir as súas propias facturas para xustificar toda a partida.
En 2018 a subvención foi de 217.800 euros. A empresa non recibiu o total, senón que embolsou 144.195,61€. Esta rebaixa, como informou Xornal de Lugo, responde ás deficiencias detectadas no expediente por parte da empresa, segundo consta nun informe do servizo de intervención. Pero coa nova fórmula asegúranse a totalidade da inversión.
A UTE, integrada por Old Navy Port Producións SL baixo a marca Bring The Noise, e Esmerarte Industrias Creativas SL., recibiron en 2018 a cantidade de 2′,5 millóns de euros, concedidos a dedo por parte do Goberno de Alberto Núñez Feijoo. Nesa ocasión, o PSdeG denunciou que a Xunta concedía o monopolio a unha empresa cunhas “prácticas escuras” e con “serias e preocupantes dúbidas” sobre a xestión cultural. Consideraron que trataba dun “procedemento absolutamente inaceptable”. No caso lucense, en cambio, son eles os executores e dáse a casualidade que coas mesmas empresas.
Talonarios para as grandes empresas, precariedade para a cultura local.
14.900 euros. Esta é a cifra que o Concello de Lugo destinará, durante todo o ano, en materia de subvencións para as asociacións culturais e persoas xurídico-privadas sen ánimo de lucro (ao contrario que no Caudal Fest). A comparación cós 310.000€ euros destinados ao macrofestival privado deixa claro que a cultura local importa pouco ás institucións, o cal convértese nunha ofensa para as habitantes de Lugo, especialmente para ás persoas involucradas na cultura e na música, abandonadas dende sempre polas administracións.
Alén disto, cabe destacar que os prezos do festival distan de ser populares, pois o abono de 55 euros é restritivo para moita xente, o cal é inasimilable dende o momento en que se están dilapidando cartos públicos.
E mentres tanto preguntámonos:
Cantas escolas de formación musical podería haber en Lugo con tan só cunha parte deste orzamento?
Cantas aulas de debuxo, música, danza… para crianzas e adultos poderían ser impartidas?
Cantas futuras artistas e potencial cultural podemos estar perdendo neste intre?
Cantos locais musicais poderían existir, onde os grupos puidesen ensaiar e incluso celebrar concertos? Actualmente a Casa da Música só posúe dous locais de son, destinados exclusivamente para ensaiar, cunha infraestrutura e material extremadamente deficientes e desactualizados dende fai anos, como denuncian as propias usuarias.
O economicismo como mal maior.
A xustificación do Concello basease na suposta rendibilidade económica para a cidade. Pensar a cultura en termos monetarios é un erro de base, que trouxo e trae consigo as maiores calamidades do capitalismo inmerso na absorción do que para nós debe ser a cultura. Cremos que o piar fundamental debe ser a formación e a xestión de base, fronte ao lucro desmedido duns poucos que ven na cultura só unha opción de negocio.
Dicíamos suposta rendibilidade económica, en canto que, incluso entrando na trampa economicista, non existen estudos serios que avalen dita rendibilidade para o municipio. Ademais, o beneficio económico está especialmente limitado a unhas poucas empresas da zona, no que a fin de contas supón un transvase de cartos públicos −vía impostos− á empresa privada.
Recentemente, o Concello anunciou que permitirá a ampliación do horario dos negocios hostaleiros durante os dous días de celebración. Isto non é máis que un acto de autopropaganda desesperado fronte ás críticas, posto que en realidade a afluencia nocturna no centro da cidade que se achega dende o festival é anecdótica. Non obstante, resulta inaudito como o Concello modula os horarios como lle prace, segundo a súa conveniencia.
Máis de 10.000 persoas ateigando a beira do Río Miño é, para Lara Méndez, unha medida beneficiosa para o medio ambiente.
O último disparate é a declaración da Alcaldesa, que di que o Caudal Fest, celebrado no paseo fluvial do Río Miño, será unha «actividade vinculada co desenvolvemento sostible do medio ambiente [sic]». Cando todo o contrario, un evento desta envergadura será perxudicial para a contorna polo seu impacto ecolóxico nunha zona protexida, parte da Rede Natura 2000 e zona núcleo Reserva da Biosfera Terras do Miño. Convértese así, a falta de sensibilidade medioambiental, nun novo trato de favor.
A cultura como dereito, non como negocio.
Dende Lugo Sen Mordazas é o segundo ano que criticamos este dispendio e farémolo ás veces que fagan falla.
Porque nós entendemos a cultura como un dereito, como un ben de interese público e como unha ferramenta de cambio social, que serve ademais para tecer comunidade entre a veciñanza. Porque a cultura debe ser entendida como un continuo de creación cultural os 365 días do ano, e non como un acto de consumo esporádico de dous días centralizado a través de grandes empresas. Empresas que só ven na nosa urbe unha localización física onde aterrar os seus escenarios, e non ven unha cidade como unha maraña social. De aí que apostemos por iniciativas contrapostas a este modelo privado e hipersubvencionado.
O 21 se setembro, facéndoo coincidir co Caudal Fest, celebrarase e Lugo a segunda edición do Festival Incívico.
Pola contra, nós si posicionámonos coas iniciativas locais de persoas que, sen afán lucrativo, deciden arriscarse −atopando atrancos por parte da administración local, no canto de apoios−, para ofreceren un programa cultural aberto ás veciñas, como son as múltiples asociacións culturais sen ánimo de lucro ou as pequenas salas de concertos que están a encher de cultura a cidade de xaneiro a decembro.
Por último, esiximos a Méndez que explique como mide o retorno para a cidade desa inxente cantidade de cartos cos que se patrocinará o macrofestival “Caudal Fest”, de que partida orzamentaria proveñen, por que non se celebrou un concurso público de concorrencia para poder repartir eses cartos, por exemplo, entre promotoras e asociacións culturais sen ánimo de lucro desta cidade, e que permisos e en que data foron solicitados e concedidos pola Confederación Hidrográfica para a celebración de dito evento na contorna do Río Miño, habida conta do seu máis que probable impacto ambiental, pois se está a falar dunha previsión de milleiros de persoas.
Queremos tamén recriminar o cambio de paradigma do Bloque Nacionalista Galego, que cando estaba na opsición amosábase crítico con este tipo de eventos privados hipersubvencionados, pero que hoxe permanece no silencio, cando é parte deste Concello bicéfalo (PSOE-BNG), que parece esquecer a opinión da veciñanza e dos colectivos e asociacións culturais.
Por unha cidade viva e inclusiva e por unha programación cultural para a veciñanza durante todo o ano…
Nós este ano tampouco imos ao Caudal Fest 2019!