Unha vitoria: o Pleno rexeita por maioría a Ordenanza Mordaza

Hoxe ocupamos de novo o Pleno. Desta vez para rexeitar o intento do PP de continuar coa Ordenanza Mordaza.

Dende Lugo Sen Mordazas vimos de concentrarnos ante o Concello para lembrarlle ó goberno local que seguimos organizadas e expectantes ante calquera intento de impoñer mordazas á cidade de Lugo. O PP levou hoxe ó pleno a proposta de continuar a tramitación da “ordenanza cívica” presentada polo Concello hai seis meses e que contaba co apoio de Cs. A alcaldesa declarou o 10 de outubro, dúas semanas despois da manifestación convocada por Lugo Sen Mordazas, a retirada do proxecto de ordenanza. Tanto PSOE como C’s votaron en contra (o voto a favor dun deles e a abstención do outro abondaría para que a tramitación seguise adiante), poñendo fin, cando menos durante esta lexislatura, ó proxecto de aprobar unha ordenanza de corte represor e excluínte.

Consideramos que isto demostra que para conseguir obxectivos só hai unha vía: a mobilización social. Sen ela, sen estes meses de andadura da plataforma, todo isto non sería posible.

Celebramos a retirada efectiva da ordenanza no pleno de hoxe como un logro, un logro da loita da veciñanza de Lugo, pero non adoptamos unha postura inxenua nin conformista: malia verse forzado a prescindir da ordenanza, o goberno local ten intencións manifestas de aplicar políticas na mesma dirección, e de feito está a facelo, Cs defende a elaboración dunha nova ordenanza de carácter similar e o PP de Lugo xa leva como primeira promesa electoral de cara as vindeiras eleccións municipais a aprobación dunha ordenanza cívica.

Por iso, a valoración que facemos é que aínda queda moito por facer, unha retirada pola nosa parte só serviría para dar carta libre ó Concello para facer e desfacer ó seu antollo.

Seguimos e seguiremos activas por unha cidade viva e inclusiva.