Multitudinaria manifestación no 26S contra a Ordenanza Mordaza

A manifestación convocada por Lugo Sen Mordazas contra a «Ordenanza de Civismo e Seguridade» foi un claro éxito, materializada nunha masiva mobilización, levando a tomar a rúa a un número de xente que non se recordaba en anos a nivel local, deixando aparte datas clave e simbólicas como o 8M Feminista. Todo a pesar do boicot dos medios tradicionais e a censura e represión por parte do Concello (PSOE), mostrando a plataforma unha gran forza e acción contra a Ordenanza Mordaza.

Vídeo resumo da manifestación (Fotografías no seguinte link).

Comunicado completo

Unha vez máis a veciñanza de Lugo sae á rúa para restituír o espazo público como un ben e dereito propio e de todas, e defender que o seu uso non é perigoso nin delitivo, como pretenden facer crer a unha parte da cidadanía determinados grupos políticos conservadores e lobbies empresariais. Máis ben ao contrario, o seu uso é enriquecedor, festivo, reivindicativo, comunitario, solidario, que fai medrar a nosa cidade dende o chan ata o ceo, sen que os muros de formigón nin os de pedra da nosa muralla, nos constrinxan e nos dividan.

Hai uns meses a cidade de Lugo recibiu impactada a noticia de que o goberno municipal do PSOE, encabezado pola súa alcaldesa Lara Méndez, xunto co apoio manifesto doutros partidos da dereita e o silencio cómplice dalgún outro grupo de poder que non se define, pretendía aprobar unha Ordenanza, mal chamada de Convivencia e Seguridade Cidadá, que nos cualificamos máis axeitadamente como “Ordenanza Mordaza”. “Mordaza” porque pretende manternos caladas mentres impón multas de 750 euros por levar unha cadeira para sentarse no parque, 1.500 euros por vender chatarra ou ata 3.000 euros por pedir esmola ou vender obxectos na rúa; e porque fomenta a delación entre a veciñanza que vese na obriga de denunciarse mutuamente se non quere ser cómplice do ilícito en cuestión, todo elo baixo o arbitrio do axente municipal de turno que decidirá no mesmo momento que é o que está permitido, ou non, facerse na rúa.

Con este proxecto de Ordenanza, están en xogo dous modelos de sociedade: un modelo de cidade individualista e prohibitivo, que condena o uso do espazo público, antepoñendo que non se produza alteración algunha na nosa contorna que poida afectar a uns poucos poderosos; fronte un modelo solidario, de benestar común, que se basea na construción dun tecido social e comunitario entre a veciñanza. Neste sentido, con este borrador de Ordenanza, este Goberno pretende criminalizar a pobreza e aos sectores máis vulnerables da sociedade e no canto de proporcionar alternativas viables de subsistencia, opta pola vía represiva e sancionadora.

Ante esta tentativa de agresión do Goberno, pronto xurdiu a reacción, a través do espírito loitador de colectivos sociais e persoas que, de xeito individual e espontáneo, decidimos agruparnos para dar a coñecer a toda a veciñanza o texto borrador, represivo, propio dun Estado Policial ou dun réxime totalitario, que pretende reprimir toda actividade pública nas rúas sen o preceptivo permiso dun goberno, que malgasta o tempo e os recursos en prohibir patinar ás crianzas, criminalizar os medios alternativos de subsistencia dos grupos máis vulnerables -como ás mulleres que ofrecen servizos sexuais, ás persoas que exercen a mendicidade ou a quen precisa durmir nun banco da rúa-, porque: consideran que é un acto ilícito, porque consideran que espanta ao turismo, porque consideran que a rúa é un ben privado dalgunha empresa que demanda algúns metros máis de espazo público por explotar; en lugar de ocuparse de construír unha sociedade máis igualitaria e inclusiva, cun forte tecido social e de apoio mutuo, recuperando o sentimento de comunidade que nos fai brillar libres, fronte a negritude dos prohibicionismos.

Así naceu no pasado mes de maio a Plataforma “Lugo Sen Mordazas”, co obxecto de informar á veciñanza da nosa cidade das ansias represoras do actual goberno, e coa finalidade de derrubar a súa absurda idea de aprobar unha Ordenanza Mordaza, innecesaria e lesiva para as lucenses.

Nestes meses de andadura, a Plataforma “Lugo Sen Mordazas”, veuse reunindo, e así o seguimos a facer, tódolos luns ás oito, en asembleas abertas e horizontais, ás que todas as persoas interesadas no que está a acontecer na vila, poden e están convidadas a participar, pois hai espazo abondo para: aportar ideas, compartir as nosas habilidades e capacidades, consultar preocupacións, demandar axuda, contribuír con propostas, preguntas, respostas, materiais, vehículos, locais, música, disposición e apoio, pois todas temos cabida para seguir levando a cabo as accións que aínda están por efectuarse e nas que queremos incluír a toda a veciñanza.

Ademais, a nosa Plataforma, accedeu a un Pleno no mes de maio para dar a coñecer a nosa negativa á aberrante Ordenanza; concentrouse no mes xuño rodeando o Concello; pronunciouse dando apoio ás veciñas do barrio da Tinería, ás que algúns hostaleiros que defenden publicamente a aprobación desta Ordenanza Mordaza pretenden botar do barrio; celebrou un “Festival Incívico” na praza Maior con todo tipo de actividades na rúa, inclusivas para toda a veciñanza; continúa a promover actividades nos espazos públicos ao longo de todo o verán e o outono -como un cine de barrio na Tinería, nun espazo en estado de abandono, que foi acondicionado para o uso e desfrute de toda a veciñanza; ou unha xornada de debate e difusión sobre problemas sociais e alternativas aos modelos represores da convivencia-, para amosar que a convivencia é isto, un uso social e público dos nosos espazos e que non todo ten prezo nesta cidade.

A nosa Plataforma é moito máis que un movemento de protesta, pois pretende conformarse como o eco dos problemas e demandas sociais que traslada a veciñanza para tratar de artellar, entre todas, solucións viables fronte a inacción deste Goberno; para iso, tamén estamos a traballar nos barrios, con accións in situ de propostas que están a saír e seguirán saíndo das propias veciñas afectadas, un traballo para o que precisamos dispor da vosa difusión e colaboración, pois somos nós mesmas quen temos a capacidade de resolver os atrancos que nos impoñen, que ninguén pretenda enganarnos.

Ademais esta Plataforma, continúa difundindo algunhas das medidas que pretende aprobar este goberno e recollendo sinaturas en contra deste monstro burocrático de Ordenanza. Por feitos tales coma ese, o pasado día 29/05/2018, un compañeiro foi multado con 300 euros por colocar unha mesa na rúa, con información como toda “arma” que puidera alterar a seguridade cidadá.

Recentemente elaborouse un fermoso e traballado mural nun muro sucio e abandonado da cidade, ante o que goberno municipal reaccionou inmediatamente para borralo, pero mantendo o resto de porcallada que decoraba a parede adxacente, pois esa non emitía mensaxe reivindicativo algún que puidera molestar ao goberno.

Ante estas accións represoras, esbozo só do que está por vir de ser aprobada a devandita Ordenanza, a Plataforma “Lugo Sen Mordazas” non se vai deter, non vai dar un paso atrás, senón que:

– Seguirá a recadar apoios, non só da veciñanza de Lugo, senón tamén doutras cidades.

– Continuará con accións de sensibilización e de loita, algunhas inagardadas e sorprendentes

– Manterá a esixencia a este ou ao próximo Goberno que poida resultar das vindeiras eleccións municipais de 2019, a retirada inmediata deste texto ou de calquera outro que teña os mesmos obxectivos represores en forma de Ordenanza de Convivencia e Seguridade Cidadá, ou

– Emprenderá accións legais para derrubar esta aberración xurídica innecesaria e agresora e reclamará as responsabilidades pertinentes.

Non nós van calar, non nos van parar, o medo vai mudar de bando, a acción colectiva continúa e demostrará a esta Alcaldesa que a rúa non é súa e dos seus afíns, que as rúas son nosas e non nos van deter multas nin coaccións.

Por unha cidade libre e viva! Inclusiva e para todas!…

Hoxe saímos á rúa, por un Lugo Sen Mordazas!