COVID19: pánico social como ferramenta do autoritaritarismo

Non podemos deixar de reflexionar sobre todo o que está a acontecer vinculado á situación creada ao redor da pandemia do Coronavirus e as medidas adoptadas para xestionala.

Tal como nos ensinou Naomi Klein na «Doutrina do Shock», o capitalismo utiliza as grandes crises para impulsar políticas que enriquezan cada vez máis ás elites que moven os seus fíos e, como consecuencia, profundan as desigualdades e debilitan a todos os demais, particularmente á poboación en situacións máis vulnerables.

A aparición do Coronavirus e as decisións sobre como afrontalo non son alleas a isto. Para conseguir resultados esas medidas deben ir precedidas e acompañadas de campañas orientadas a provocar o medo e o alarmismo social, que permitan logo a aceptación, por parte da poboación, das medidas que se adopten, xa sexan económicas, represivas ou ambas. Todo isto está ben patente no tratamento da crises que se está a dar por parte dos medios de comunicación masiva, que só repiten reiteradamente as normas impostas e o número de vítimas, sen facerse eco da multitude de situacións que se teñen creado, inxustas e de “dobre raseiro”, que afectan a traballadores, pequenos empresarios, pequenos produtores, etc.; nin de toda a situación de vulnerabilidade creada a persoas sen recursos, illadas, de risco, persoas vulnerables que deixan de ser atendidas…; nin a vergoñenta ausencia de concellos como o de Lugo e gobernos como o da Xunta de Galicia que non habilitan medios para informar e atender a todas estas situacións que son da súa competencia.

A declaración dun estado de alarma que colle un atallo utilizando un modelo orientado ao control da conduta da poboación

Sumámonos a todo o xa comentado no comunicado que sacaron varias asociacións de Lugo explicando todo isto en termos concretos e cunha exposición clara das necesidades e as esixencias que os poderes públicos deberían estar a atender.

Na xestión desta crise, que non empezou por poñer medios, diñeiro e profesionais no obxectivo de protexer ás persoas máis vulnerables e ás institucións sanitarias e de coidados, deuse un xiro de nada a todo mediante a declaración dun estado de alarma, que non responde a razóns puramente científicas e sanitarias, senón que colle un atallo, utilizando un modelo orientado ao control da conduta da poboación.

O dereito de reunión pacífica está recollido no art. 21 da Constitución Española, porén a chamada popularmente “Lei Mordaza” xa fixo moito para eliminalo e agora se da unha nova volta de torca elixindo, para a xestión desta crise, un modelo represivo herdado do 11S e a imitación da xestión do modelo chinés, en pro dunha suposta seguridade, que sacrifica todo tipo de liberdades. Estase a incrementar o control social, xa iniciado anteriormente, a través dos Big Data (modelo de Corea do Sur), foméntase o teletraballo, o pago con tarxeta, as relacións a distancia vía internet, etc. Do mesmo xeito, probablemente quedarán eliminadas no futuro inmediato as concentracións dun número máis ou menos elevado (ou non tanto) de persoas, sempre coa desculpa da seguridade. Todo iso irá implantando na poboación novos modelos de relación social que non sabemos que consecuencias poder traer pero que, seguro, facilitan a impunidade de cada nova etapa, máis dura que a anterior, da xestión neoliberal das nosas vidas en pro do capital.

As leis represivas serven en todo tipo de crises, sexan estas económicas ou sanitarias, para o control dos individuos

O resultado, na actuación das forzas represivas encargadas de facer cumprir esas normas, está a deixar desde situacións de indefensión, por exemplo cando a policía acusa de mentir a unha persoa que da as súas razóns para estar na rúa, ata o abuso policial e a violencia innecesaria. En todo isto ten moito protagonismo, como xa dixemos, a “Lei Mordaza” que o goberno anterior implantou, coa desculpa da anterior crise, como un xeito de evitar as protestas masivas ante as medidas económicas claramente inxustas que se estaban a instaurar, e que, moito despois e coa situación aparentemente algo máis normalizada, o Goberno actual nunca se pensou sequera eliminar. Vemos agora por que. As leis represivas serven en todo tipo de crises, sexan estas económicas ou sanitarias, para o control dos individuos que poidan querer visibilizar os abusos que os gobernos e o capital queiran en cada momento poñer en marcha.

 

Neste senso queremos pedir, unha vez máis, a necesaria derogación da Lei de Seguridade Cidadá («Lei Mordaza»), coa que os partidos actualmente no Goberno dicían estar en desacordo cando estaban na oposición, pero que agora non planean eliminar.

Esiximos que eses mesmos poderes políticos que estableceron as normas de este estado de excepción ou alarma, vixíen que o seu cumprimento non vaia acompañado de arbitrariedade, abusos e violencia policial, e que, de darse, sexa investigada e os responsables sancionados adecuadamente.
Resulta, así mesmo, necesario defender os dereitos das persoas coidadoras, así como un sistema de saúde público e de calidade no que todas as persoas poidamos ser atendidas por profesionais en condicións de traballo dignas e cos medios materiais e humanos necesarios.

Denunciamos as actitudes insolidarias, como as de quen se lanza a acusar a outras persoas sen coñecer previamente as súas circunstancias, ou instiga á policía para que utilice a violencia.

Por último, deberiamos ter en conta que o xeito en que se está a xestionar esta crise vai servir como modelo para outros casos futuros. Aínda que isto pase, as decisións políticas tomadas durante neste tempo e as súas consecuencias probablemente perdurarán. Por iso resulta necesario estar vixiantes e denunciar todo aquelo que se desvíe do verdadeiro obxectivo, que debe ser coidar ás persoas, poñer os medios para conseguilo, reforzar os sistemas sanitarios e de coidados necesarios, e poñer o foco en todas as situacións de especial vulnerabilidade, sexan estas do tipo que sexan.

Esta crise debuxa a necesidade e a urxencia do decrecemento e os perigos dun sistema económico globalizado, baseado na división internacional do traballo e a deslocalización da produción.

Así mesmo, nunha orde máis ampla de pensamento, esta crise debería facernos máis conscientes da fraxilidade da vida e do que estamos a contribuír para empeorala: en poucos días de diminución da acción humana na metade máis rica do mundo, houbo unha baixada dos niveis de contaminación que parecía imposible de conseguir en todos os cumes internacionais celebradas supostamente en pro do planeta. Isto mostra, unha vez máis, a necesidade e a urxencia do decrecemento e os perigos dun sistema económico globalizado, baseado na división internacional do traballo e a deslocalización da produción, coas conseguintes cadeas globais de subministros controlados nunhas poucas mans, que nos fan extremadamente dependentes e vulnerables. Un sistema económico que obvia os coidados e ás persoas en favor, unicamente, do capital, e que, por tanto, deixaranos nun futuro máis ben próximo algo moi afastado, para a maioría de nós, dunha vida digna de ser vivida.